O 29 de xaneiro principiará o ciclo coa charla ‘O ambiente familiar’, que como o resto das conferencias estará enfocada a orientar ás familias sobre o mellor xeito de abordar a relación cos fillos/as
A Escola Municipal de Nais e Pais do Concello de Sada –organismo promovido pola Concellería de Educación e Xuventude- organiza un ciclo de sesións didácticas destinadas á orientación familiar. Esta actividade estará activa ata o remate do presente curso académico e incluirá un total de seis charlas: unha por mes. Todas as sesión celebraranse os últimos xoves de mes na Casa da Cultura en horario de 20.00 a 22.00 horas.
A asistencia a cada charla terá un custo de 0,50 euros por persoa e será preciso realizar a correspondente inscrición previa a cadansúa sesión. As persoas interesadas en participar nalgunha das conferencias que se ofertan deberán apuntarse na Oficina da Xuventude (981 620 331) ata o día anterior á celebración das charlas.
A primeira celebrarase o día 29 de xaneiro e leva por título ‘O ambiente familiar’. O data límite para apuntarse á mesma será o 28 de xaneiro. A charla de febreiro (día 26) abordará ‘O tempo libre na familia’; a de marzo (día 26) ‘Os estudos das fillas e dos fillos’; a de abril (día 30) os ‘Obxectivos educativos das nais e dos pais’; a de maio (día 28) celebrarase baixo o epígrafe ‘A televisión e a familia’; e o 25 de xuño pecharase este ciclo coa charla ‘Coaching para formar fillas e fillos’).
A Concelleira de Educación, a socialista Raquel Bolaño, entende que as charlas “supoñen un material de apoio moi importante para as nais e os pais na medida en que estes ampliarán a súa información e poderán intercambiar experiencias sobre o mellor xeito de abordar a educación dos seus fillos/as”.
Así mesmo, precisa que “estas serán as primeiras sesións que se organicen no marco da Escola de Nais e Pais e o Concello está aberto a aceptar suxestións para futuras experiencias similares, xa que o obxectivo desta experiencia é contribuir a cubrir as necesidades das nais e pais no eido educativo, así como as dos proxectos educativos dos centros”.
Para ampliar a información sobre as charlas, acceder ao seguinte enlace da web municipal: www.concellodesada.com:
http://www.concellodesada.com/actualidade/nova.php?id=458&lg=gal