A Concellería de Educación e Xuventude, responsabilidade da socialista Raquel Bolaño, informa de que está aberto o prazo de preinscrición para participar nos cursos Celgas (niveis 1, 2 e 4) 2009. As persoas interesadas en apuntarse nos mesmos –que son gratuítos- deben apuntarse na Oficina da Xuventude (981 620 331) antes do 26 de febreiro.
O Celga é o Certificado en Lingua Galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun novo modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega que se adapta ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa e no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
Para obter o certificado dun nivel calquera débese superar unha proba oficial emitida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, posterior á participación nos cursos. Para ter dereito á proba débese formalizar unha matrícula previa e pagar unha taxa polo dereito a exame.